Cooperativa Integral Minga · Cooperativa Traquinas Índios e Sábios · Galería Municipal

10 de outubro_A vida nas Oficinas do Convento un martes calquera.

Pola mañá, converso co meu amigo Nuno Lemos, que traballa na Galería Municipal. Forma parte da vida e da xente das Oficinas do Convento dende que era estudante de Belas Artes en Lisboa, época na que comezou a frecuentar as Oficinas. Pouco despois, quedou a vivir aquí.

Falamos da Cooperativa Traquinas Índios e Sábios, C.R.L Espaço de atividade infantil, da que forman parte varias familias, fundada no 2004. Unha cooperativa que xurdiu da necesidade de ter un espazo para miúdos que aínda non están en idade escolar. Un espazo creativo, familiar, onde tamén hai un espazo de horta ecolóxica. Está na Adua.

Xa pola tarde teño titoria conversada con Tiago. Fálame da Minga, unha cooperativa integral que xurdiu hai uns anos. Será interesante tamén falar con alguén da cooperativa para coñecer máis a fondo como xurdiu e como funciona. Conversando con Tiago sobre o ecosistema e as iniciativas, pasa o tempo.

Entre lusco e fusco, é moi típico que chegue até o Convento unha brisa que mesmo parece empurrada polo océano Atlántico, pois chega do Oeste. E normalente trae cheiriños de xantar feito á brasa.
Á hora de cear, chegan ao Convento Nuno Lemos, Sara Belo, que está a expor na Galería Municipal, e João Gargaté. João tamén veu de fóra a vivir a Montemor, outro exemplo de fixación de poboación. Traballa facendo animación e clips musicais.
Decidimos ir comprar carne asada para traela e cear xuntas no claustro do convento. Cando imos pagar, João insiste en convidar. Cóntanos unha historia que nos convence para deixarlle pagar a conta. Resulta que deixou que uns operarios utilizasen a luz da súa casa para un traballo, e estes en agradecemento, deixáronlle 20 €. Así que el non lle ve mellor inversión que pagar a cea dese día con ese diñeiro co que non contaba.
Son moi típicas as ceas conventuais, nas que formamos familias cambiantes e diversas. Compartimos cea, conversa, se cadra un torneo de pingpong (dise así?), e ás veces, facemos improvisación musical nun dos espazos do Convento, a Cantina do Mambo, na que podes aprender a tocar o instrumento que queiras, pois a xente ten moita capacidade de ensinar e faise doado tocar con eles.