Paso a mañá preparando as entrevistas a axentes seleccionados.
Sobre as tres, tres e media, moitos días xúntase un bo grupo de xente no Convento para tomar un café. É un xeito de verse, estar en contacto, compartir, conversar, debatir, resolver dúbidas ou rir. Normalmente hai unha máquina de café bo e barato no claustro norte, xunto á cociña, que é onde entra e bate o sol a estas horas. Vén Sandrinha, que está a traballar no seu proxecto de doutoramento sobre criptomoedas. Así que a xente comezamos a conversar sobre isto.
Cando coñecín a Sandra ela traballaba nas oficinas das Oficinas do Convento. Foi a través de skype. Traballamos intensivamente durante unhas semanas nunha covocatoria europea, elaborando un proxecto sobre cidadanía activa no rural. Agora está na CCAAL, e está traballando con Nélia e Joana nos textos do libro dos “20 anos de Oficinas num Convento”.
As tres son exemplo de fixación de poboación, xa que ficaron a vivir aquí e formaron familia.
Nélia está a traballar nas oficinas dende hai uns anos. Como antes fixo Sandrinha, ou María, que agora traballa na tenda da Minga.
A Joana a coñecín no 2012 en Guimarães, nunha residencia, dentro dunha programación dos Maus Hábitos. Daquela xa vivía en Montemor e tiñamos en común moitas persoas do ecosistema. Fixémonos amigas no mesmo día.
Á tarde visito a Oficina da Criança, onde me reúno con María Galego, quen leva dous anos traballando aí como coordinadora. Ela e mais Anabela, coordinadora do Centro Juvenil, impulsaron a Cooperativa Traquinas Índios e Sábios, da que me falou Nuno Lemos onte. Estando alí, chega Dam, un xoven artista local. Alégrome moito de velo. Coñézoo dende que era pequeno. Vén preguntar por un proxecto que presentou para facer cos miúdos. Pregúntame canto tempo vou estar nas Oficinas, e quedamos de vernos. María sorpréndese e alégrase de que nos coñezamos e sexamos colegas. Cóntame que Dam fixo un proxecto na Oficina da Criança, e xunto á rapazada pintaron os bancos do Jardím Público. Irei velos.
Conversamos e responde a cuestións que teñen que ver co espazo e coas súas particularidades, que o fan tan especial, esencial e transversal. Aquí podes ver o artigo que escribín sobre a visita a Oficina da Criança.
Volto ao Convento. Alí quedei de verme con Jorge González, quen forma parte da xente que impulsou a cooperativa Minga. Temos un encontro e unha conversa. Cóntame toda a historia de como xurdiu a cooperativa integral.
Dende Oficinas do Convento organizaron un foro, o Forum de Cooperativas de Montemor-o-Novo. De cooperativas que xa existían e de sectores dos que non había cooperativas en Montemor. Foi durante unha fin de semana. O foro serviu para ver que era o que facía falta así como para coñecer experiencias interesantes doutros sitios: bancos comunitarios, moedas propias, economía solidaria, etc.
Viron que existían problemas comúns, entre agricultores, artistas e outras persoas. Decidiron facer unha cooperativa integral para todas esas necesidades. Fundaron a cooperativa Minga a partires do modelo de estatutos doutra cooperativa integral que xa existía. Foi en decembro de 2014.
Agora son máis persoas, teñen unha tenda de produtos locais e un espazo de encontro. Aquí podes ver o artigo que escribín sobre Minga.