Câmara Municipal · Centro de Artes e Ofícios – Centro Interpretativo do Lugar (CAO) · Centro Juvenil · Cine nas parroquias · CineClube · Oficinas do Convento

13 de outubro_Centro Juvenil, CineClube e Cine ambulante polas aldeas.

Pola mañá teño un encontro e conversa até mediodía con Helena Rocha, da Delegaçao Regional da Cultura en Évora. Ela traballa na coordinación da Direcção Regional de Cultura do Alentejo. Achégase ás Oficinas, e reunímonos na Sala do Francês.

Durante este encontro falamos de varios temas. É unha conversa intensa e moi interesante. Abordamos os seguintes temas:

O auxe do asociacionismo en Montemor-o-Novo e na rexión do Alentejo.
O caso de Montemor-o-Novo. Puntos fortes e fraquezas.
O papel das Oficinas do Convento como dinamizador sociocultural.
A cultura como factor para fixar poboación.
Estratexias culturais concretas que están a impulsar e a funcionar en Montemor-o-Novo e no Alentejo.
Outros ecosistemas culturais similares a Montemor-o-Novo.
As relacións de dependencia entre a Câmara e as entidades asociativas. As tradicións. A participación e a comunicación. A posibilidade de trasladar o modelo de Montemor a outros sitios.

Aquí podes ver o artigo que escribín sobre “política cultural rexional” a partires da conversa con Helena Rocha.

Pola tarde, estou sentada con Tiago e Iñaki na mesa do claustro do lado Este.
Soa a canción Referentes culturais de Emilio José, na que di “desapareceram os pontos da terra sem conexão”, do album Nativos Digitais.
Cadaquén está traballando no seu portátil. Neste momento do ano, este é o lado máis fresco. Estamos a máis de 30 grados. A mesa ficou aquí dende as Conversas da Cultura da semana pasada, e dende que cheguei estouna a usar como mesa de traballo. Non é un sitio onde normalmente hai unha mesa, pero como lle estamos a dar tanto uso, aí está. É unha desas mesas de madeira que presta a Câmara e que levo vendo e usando dende hai máis de dez anos en diferentes eventos. Seguen sendo funcionais e agradables.

Estamos traballando, cando chaman á porta. Vou abrir e atópome cunha parella. Saúdanme medio en portugués, e cando lles detecto o acento andaluz, contesto en castelán e levan unha agradable sorpresa. Entran un pouco sofocados pola calor, e Iñaki ofrécelles auga fresca, que lles da a vida. Con esta temperatura, as tres da tarde é unha hora moi dura para camiñar polas rúas de Montemor.
Veñen de Málaga, e son artistas que están a facer unha viaxe para coñecer iniciativas de cultura e arte no rural, buscando inspiración para desenvolver un proxecto no rural andaluz. Contan que ata agora non tiveron moita sorte coas visitas que fixeron, así que están encantados de que lles recibamos. Falamos un pouquiño, de iniciativas que coñecemos como a Fundación Cerezales, Scarpia ou Dados Negros. A eles gustarialles facer algo así. Tiago amósalles o espazo.
Antes de marchar, agradecidos pola conversa, regálannos uns gravados dunha serie limitada.

Vou visitar o Centro Juvenil. É unha estrutura municipal pegada á estrada nacional, está moi preto da estación de autobuses. Cando chego, a porta está aberta e hai xente nova entrando, saíndo e conversando en grupos. Atopo a Anabela Neves Ferreira, coordinadora do centro. Ofrécese a amosarme o espazo, e explícame as actividades e o seu funcionamento. O xeito de funcionar e o regulamento son similares ao da Oficina da Criança: réxime de porta aberta (entradas e saídas do espazo con total liberdade), e acordo co agrupamento escolar para que todos os grupos dos tres grados pasen polo centro como unha actividade da escola.
Xurdiu no 1996 a partires da necesidade das persoas que foran usuarias e creceran no “ecosistema” da Oficina da Criança. Xa eran maiores para xuntarse alí e querían ter un espazo que autoxestionar. Como resposta, a Câmara Municipal abriu este Centro Juvenil. O Centro actúa de mediador entre a xuventude e as escolas, as familias e a Câmara.

Vexo a actividade que está a acontecer no espazo. Ela ensíname o centro, e vou vendo unha relación estreita, de cariño e de confianza coas persoas que alí traballan. Anabela entra nun cuarto luminoso, onde hai rapaces xogando ao billar e outros falando, e dilles que xa se enterou de que queren organizar algo. Pregúntalles por un campionato de videoxogos ou algo que se supón están a argallar, animándoos a facelo.
Amósame os espazos. Unha oficina cunha mesa grande, con cociña, e sala de costura no mesmo lugar. Neste espazo hai ese ambiente máxico e caótico que se respiraba na antiga Oficina da Criança, cando estaba nos baixos do CineTeatro Curvo Semedo. Hai sala de ordenadores, de edición de video, laboratorio de son, sala de estar, espazo multiusos con gradas, e sala tabú. Na sala de ordenadores hai un mural grande de Dam, que ocupa toda a parede. No seguinte video pode verse o proceso de como foi feito o mural.

Parámonos un pouco a falar da sala tabú, xa que xurdiu da propia necesidade dun grupo de xoves que precisaban dun acompañamento, ou resolver dúbidas e cuestións de sexualidade e saúde. Teñen concertado un acordo co centro de saúde de Montemor para que cada semana veña un psicólogo a esa sala para falar, resolver dúbidas ou axudar a quen o precise.

Cando vou marchar, chega Hélder Azinheirinha, con quen teño tocado algunha vez nas sesións de música improvisada nas Oficinas. El toca fados, e vén falar con Anabela por mor dun obradoiro que estivo facendo ou vai facer no Centro Juvenil.

Hai unha estreita relación entre as persoas e as distintas estruturas e organismos. Moitas das persoas ligadas ao movemento asociativo e as propias asociacións, colaboran puntualmente co Centro Juvenil. Deixo un video dunha mesa posta organizada aí dende as Oficinas do Convento.

Pola noite chega ás Oficinas Pedro da Conceiçao, ao que todas chamamos Jimbo.

É cineasta e músico. Ten desenvolvido e participado en varios proxectos da Câmara e das Oficinas do Convento en Cabo Verde. Tamén traballou nos comezos do Centro de Artes e Ofícios – Centro Interpretativo do Lugar (CAO), en Tarrafal, na illa de Santiago, en Cabo Verde. Outro dos proxectos que naceu dende as Oficinas do Convento.
Pregúntolle polo proxecto de cine ambulante que está a facer polas freguesias. Interésame moito porque son os núcleos de poboación equivalentes ás parroquias galegas, que soen ser os máis desfavorecidos nas políticas culturais.

Agora, para a xente das aldeas, é o “rapaz do cine”. Unha vez ao mes leva o cine a cada freguesia. Nunha furgoneta leva un videoproxector e un equipo de son de alta calidade, que monta e desmonta para cada sesión. Acompaña o set unha máquina de facer pipocas. O lugar onde se proxecta a película soe ser un centro veciñal ou un polideportivo. Se fai bo tempo, fóra. É unha filmoteca ambulante de cine portugués que el mesmo programa.
As persoas asistentes teñen a oportunidade de conversar sobre a película e Jimbo facilítalles a información sobre as actividades de cine de Montemor-o-Novo e sobre a seguinte película que vai levar.

Tamén está impulsando un proxecto de filmoteca para Montemor-o-Novo. E na actualidade, xa están a facer o CineClube no Sãlao Nobre do CineTeatro Curvo Semedo, un espazo moi acolledor.

Encántame que a Câmara apoie o desenvolvemento de proxectos culturais nas aldeas.