outras

16 de outubro_Facendo o noso primeiro aceite na Quinta do Estanque.

Nos dous días anteriores, recollimos 180 kg. de olivas das asilvestradas e bravas oliveiras do Pumarinho, así que temos que levalas a un lagar.
As opcións son:
– levalas a unha cooperativa, en Alcácer do Sal. Mais alí recolles un aceite que sae da mestura do que leva toda a xente, e nós non queremos perder o valor permacultural e único do noso aceite.
– ir ao lagar de Alfredo, no Freixo do Meio. O Freixo é un caso de éxito de empresa ecolóxica, das máis importantes de Portugal.

Optamos pola segunda, mais Alfredo non ten operativa aínda a máquina, pois deuse conta que faltaba unha peza, cousas que pasan. Mais temos que darlle unha saída hoxe, porque a oliva non pode ficar parada co calor que fai.

Así que imos falar con Jerónimo, un colega ao que apreciamos moito, que ten preto de 2.000 oliveiras, e cada ano recolle o seu aceite. O Zé, seu pai, labrego ecolóxico, ten lagar. Agora é Jerónimo o que se encarga de todo.
Esa é a opción que máis nos apetecera nun principio, mais sabendo que el está a comezar tamén a recoller a oliva, non quixemos molestar. Cando chegamos ao monte de Jerónimo, á Quinta do Estanque, atopamos á cuadrilla de traballo que van comezar a almorzar baixo unha oliveira. Está traballando Leonor, a quen lle comprei a camisa (lévoa posta). Tamén Dam, o xoven artista local.

Jerónimo comeza hoxe a campaña, e non vai precisar o lagar ata mañá, así que acepta deixarnos ser os primeiros en usar o lagar nesta tempada. Esta é a maneira que temos para ver o proceso dun xeito moi cercano. Mentres un de nós queda no lagar outras imos traballar con el apañando olivas o resto do día. Hoxe aprendemos todo o proceso de como transformar a oliva en aceite dun xeito artesanal. Ensínanme tamén moitos trucos para facelo mellor.

Nas oliveiras, mentres estamos a traballar apañando as olivas, Dam fala dos videoclips de Ki, e de que lle gustaría facer un tema e un videoclip cos Fur Alle Falle. Así que lle propoño a Iñaki gravar un clip mentres collemos as olivas, para que Dam vexa como o facemos. Gravamos bastantes planos, sobre todo ao finalizar o traballo.

Xa despois de cear, cando parece que remata o día, e antes de marchar, Jerónimo pídenos que lle axudemos a recoller toda a la que ten lavada e extendida a secar xunto ao tanque. Aparcamos o coche apuntando cos focos a unha leira, andamos cara a escuridade, e ao chegar ao tanque a imaxe é fermosa, pois a la, tan branquiña, reflexa a luz da lúa.
Usa a la para facer colchóns e almofadas, soamente por encargo e moi poucos ao ano.

A quinta de Jerónimo é permacultural. Ten carneiros, ovellas, horta e oliveiras.