Alma D´Arame · Câmara Municipal · Cooperativa Cultural e Artística CCAAL · MARCA ADL · Oficina da Criança · Oficinas do Convento

18 de outubro_A rede e o ecosistema dende Oficinas do Convento. Conversas, concertos e feijoada.

Comezo o día cunha conversa con João Sofio.
Pregúntolle pola súa nai, Vitalina Sofio, pois foi Vereadora da Cultura, mestra importante na alfabetización para adultos e persoa chave na vida cultural. Tamén tivo que ver cos comezos da Oficina da Criança, dos que falamos.
Cóntame do que aconteceu despois de Salazar, que disque morreu porque caiu dunha cadeira ;). Do PREC, proceso revolucionario en curso, ese periodo entre a ditadura e a democracia en Portugal, cando aínda estaban a formarse os partidos políticos.

Cóntame cando o ISTA escola internacional de antropoloxía teatral estivo en Montemor-o-Novo, e como marcou a vida de moitas persoas que coñecemos. Foi unha escola que estivo no Convento da Saudaçao (hoxe sede de O Espaço do Tempo) durante 3 meses no ano 1998. Trouxo a Montemor un proxecto de ODIN Teatret, universidade itinerante.
Aquí hai unha reportaxe do paso da ODIN por Montemor-o-Novo.

Falamos tamén das posibilidades vitais que deu medrar aquí.

Conta como xurdiu a asociación Alma D´Arame, e despois o Encontro Internacional de Marionetas de Montemor-o-Novo. O impulsor da asociación e do Encontro, Amândio Anastácio, tivera que ir traballar fóra, e ao voltar foi invitado a facer unha colaboración dentro do Festival Ananil, organizado polas Oficinas do Convento. Aquel foi o 1º Encontro de Marionetas. A colaboración foi a máis e posteriormente, no 2006, nace a asociación cultural Alma D´Arame. A partires de 2008 organizan o Encontro de Marionetas de Montemor-o-Novo.

No 2013 tiven a sorte de ver a estrea de “O Funâmbulo”, unha produción feita por Alma D´Arame en parceria coas Oficinas do Convento e co apoio da Cãmara Municipal. Neste espectáculo traballaban João Sofio e João Bastos. Foi moi interesante ver como Amândio recollía toda a investigación do Dio3stu e os laboratorios de sonoplastia e os aplicaba no seu traballo.

Aínda máis atrás, no 2006, lémbrome de ver outra peza de Amândio nunha freguesia calquera, unha tarde de verán.

Con Sofio tamén falo das orixes da MARCA ADL, que xurde en paralelo ás Oficinas do Convento, como unha entidade distinta coa que poder optar a fondos, máis ligada á cerámica e á súa comercialización. Teño que falar con Marta Mattioli, pois ela agora é presidenta da entidade.

Falo tamén con Rui Cacilhas, sobre a cooperativa CCAAL e máis cousas. A CCAAL xurdiu para dar unha solución á situación de precariedade que afectaba a persoas que estaban desenvolvendo actividades culturais ou artísticas.

Á noite hai concertos nas Oficinas, na Cantina do Mambo. Don Vito & LCDP.
Contoume o outro día João Sofio, que son dous grupos que están de xira por Europa, e que como outros moitos, contactaron coas Oficinas para ver se podían tocar aí.
Con motivo dos concertos, hai unha cea no claustro, para os músicos, público e amigas. Vén María Santos a cociñar unha feijoada, en realidade dúas, unha con carne e outra vexetariana. Hai anos María traballou nas oficinas das Oficinas. Agora está traballando na tenda da Minga.

Eu non entro aos concertos, mais escóitoos dende a Sala do Capítulo. Alí van pasando persoas e imos conversando. Entre elas, Marta Mattioli, coa que quedo para falar outro día.

Iñaki cóntame que o baterista levaba unha camisa descolorida e gastada, e que conforme avanzaba o concerto e ía suándoa aparecía Dumbo debuxado cunha cara sorrinte.
Que cousas.

dumbo2