Câmara Municipal · Hortas urbanas comunitarias · Mercado Municipal · Oficina da Criança

2 de decembro_Mercado Municipal, hortas urbanas comunitarias e delicias varias.

É sábado. Erguémonos moi cedo. Tomamos un café con Liliana Velho, e fálame sobre o seu traballo artístico e do seu traballo en precario nun museo. Tamén vende as súas pezas na tenda da cooperativa Minga.
Comentamos que hoxe na camarata, o dormitorio común das Oficinas, eramos moitas persoas a durmir, pois estaba toda a xente da Rede de Sementes. Houbo overbooking!
Aparece unha das rapazas da Rede, na procura dun café quentiño. Esta noite foi especialmente fría.
Trouxeramos 10 kg. da nosa mel para distribuír entre as persoas que quixeran. Soamente quedou 1 kg., así que ao recoller as cousas, collemos tamén a caixa que levaba días no convento co cartel de Mel da Galiza. Ela pregunta se é nosa, e pídenos ese último bote.

Pasamos polo mercado despois de saír das Oficinas. O Mercado Municipal segue a ser un espazo de encontro. Como parte das actividades organizadas pola Câmara Municipal, hoxe hai a iniciativa “Chocolate Quente”, integrada no programa “Ao Sabor das Estações”.
A Chef Susana Cigarro está amosando como facer un chocolate quente nunha cociña instalada no centro do mercado. A iniciativa, ten o apoio dunha empresa produtora do chocolate,  “António Melgão – Chocolate AlemTejo”.
Está cheo de xente. Este tipo de actividades estimulan a vida do mercado. Atopámonos con xente como Nuno Lemos ou Catherine Henke.
Jerónimo está atendendo o seu posto. Imos comprar queixos para traer a Galiza, de cabra e de ovella. Tamén viño ecolóxico da rexión.

Imos almorzar á Pastelería Estudiantil (para nós, a encantadorísima muller que atende a pastelería ten os mellores pasteis de nata). E así de paso mercamos unha caixa de pasteis para levar a Galiza.

Despois decidimos irmos con Nuno Lemos á súa horta urbana.
En Montemor existen hortas urbanas comunitarias, xestionadas pola Liga dos pequenos e médios agricultores de Montemor-o-Novo. Non poden vender, é só para consumo propio.
Aquí podes ver as normas de participación e funcionamento.
Nuno ten unha desas hortas detrás do Convento de São Domingos. Estrutura pública, alberga un núcleo museístico e é sede do Grupo de Amigos de Montemor-o-Novo.
Nuno cóntanos como comezou o proxecto das hortas urbanas comunitarias, e como funciona.
Ademais das hortas nese lugar, hai outras na Adua. As da Adua teñen o incoveniente de estar moi lonxe para a xente que vive no centro da vila ou na zona da costa do Castelo.
Por iso Nuno tiña claro que para poder levala adiante e que funcionase tiña que estar cerca da súa casa. Nuno o fai todo dun xeito permacultural e eco, e ten que convivir coas diversas prácticas non ecolóxicas nas hortas colindantes, mais a el isto tampouco lle preocupa moito.
Sentámonos alí mesmo, na horta, e aproveitando o sol falamos tamén da vida política en Montemor, da renovación nas últimas décadas. Do Partido Comunista. Do comezo das Oficinas. De como el chegou a vivir a Montemor, hai máis dunha década.

IMG_20171202_115231

Nuno bota uns regos de porros que mercou no Mercado mentres conversamos.  Propoño collermos uns que xa están grandes e tiña plantados dende hai meses para facer de xantar. Cociño uns ovos á porreta, prato tradicional manchego, mais sustitúo os sesos de carneiro por porros minudiños. Acompañamos con guacamole feito cos aguacates da súa casa, variedade de queixos alentejanos, olivas,… unha delicia.

Despois de xantar con Nuno, imos á Quinta do Estanque e damos un paseo polo quintal, con Jerónimo e Dam. Imos collendo champiñóns silvestres, agaricus campestris. Dam vai comezar a traballar na Oficina da Criança, no atelier de barro. Está moi contento. Imos atravesando o bosque e o río até chegar á escola de crianças na que estudiaron de pequenos, primeiro Jerónimo, logo Dam, e despois as fillas de Jerónimo.
Neste caso, a pequena escola, ao contrario que moitas escolas unitarias do rural galego, continúa viva.

Xunto á noite, voltamos á casa para acender o lume e facer a cea. Vai moito frío! Cociñamos, entre outras cousas, un arroz cos agaricus que atopamos no paseo. Ceamos Dam, Jerónimo, Nuno, Iñaki e mais eu.

Mañá cando saiamos de Montemor-o-Novo volverei ler o cartel que di,
“Montemor-o-Novo, Volte sempre”