Cooperativa Integral Minga · Oficinas do Convento

23 de novembro_Coworking na Sala do Capítulo.

IMG_20171018_122001

Instalo a miña oficina ou espazo de traballo no coworking space que hai montado na Sala do Capítulo. Aínda queda algo da instalación de burbullas de Tiago, unha máquina que fai burbullas de ar nun tubo de auga e que se proxectan reflexadas nun espello. Hai unha escaleira de cor laranxa, un enchufe que cae pendurado do teito, unhas mesas e varios sofás.

Dam e Iñaki están instalados nunha mesa, traballan xuntos nalgún proxecto musical, e andan mirando cousas de software.
Ana soe estar aí traballando co seu computer. Traballamos cadaquén no seu, mais consultámonos cousas relativas ao que estamos facendo. Ou paramos para compartir unha laranxa ou un te.
Ana está decidindo que pezas subastar no Leilão que vai ter lugar na Quinta da Plansel, e consúltanos para ver se lle axudamos a decidir.

Dende as Oficinas do Convento están a organizar un evento no que van presentar o libro e o documental cos que celebran e conmemoran os 20 anos: Lançamento do Livro e Filme “20 Anos de Oficinas num Convento” e Leilão de Arte com Prova de vinhos.
O evento vai acontecer na Quinta da Plansel. Coñezo a Quinta, xa que participei noutros eventos organizados tamén polas Oficinas e nos que teñen colaborado. Xa sucedía co Festival Ananil, e tamén coa Cidade Preocupada. O propietario, Jorge Bohm, é tamén coleccionista de arte. Anexa á adega, ten unha Galería con parte da súa colección privada. Non está aberta ao público, mais si en días especiais en eventos específicos.
Moitas persoas afíns ou que pasaron polas Oficinas nestes 20 anos están participando deixando obras para subastar, e así sacar fondos para pagar o libro.
Nestes últimos meses, imos atopando polas mesas e estantes das Oficinas diversas pezas de artistas que coñecemos e que non. Unha pistola en mármore, dunha serie de Isaque Pinheiro, deseños de Leonor, ou pinturas de Nuno Lemos. Pezas que Tiago vai fotografiando. Podes ver o catálogo do Leilão.

No claustro, atópome con Cacete. Sentamos e conversamos un pouco. Cacete é outra das persoas que coñezo dende aquela primeira residencia que fixen aquí. É músico e luthier. Tamén ensina a facer instrumentos e a tocar. Cóntame que non hai moito deu un taller de percusión e de creación de instrumentos de percusión. Continúa dando clases, arranxando e creando instrumentos novos, que vendía ata hai pouco na tenda da Minga. Kassa produz artesanalmente instrumentos musicais de percussão e cordas, principalmente de raízes africanas.
Agora está facendo uns xilófonos que se amplifican con cabazas que estaban plantadas no Convento. Hai catro semanas que as vin pendurando xa secas na parede oeste do claustro, onde hai unha década houbo un aguacate. E tamén unha herba luísa xigante, que era moi recurrida para facer infusións conventuais.

Vai facéndose de noite. Tiago acende a instalación. As burbullas soan e proxéctanse polas paredes da Sala do Capítulo. As co-workers traballamos en silencio. Algunhas entran e saen mentres escribo isto. De vez en cando comemos unhas laranxas tangerinas do Pumarinho.

IMG_20171021_212610

Vou xogar unha partida de pingpong. Estouno a facer moitas tardes ou noites. Sorpréndome do rápido que estou aprendendo.