outras

25 de novembro_Set de rodaxe na Quinta do Estanque.

Hoxe é sábado. Quedei con Iñaki e Dam para ir gravarlles o videoclip do tema que fixeron.

Gravamos de mañá e de tarde. Olivia acompáñanos e tamén quere aprender a gravar e ser parte do equipo técnico. Olivia é unha das fillas de Jerónimo e ten sete anos.

Ese día almorzamos con toda a familia, con Zé, Catherine Henke, Jerónimo, Dam e as nenas, Olivia e Amelia. Jerónimo amósanos e danos a probar as froitas deshidaratadas que fixo nesta tempada.

Almorzamos unhas lulas guisadas. A receita é similar ao guiso de choupas que sempre se fixo na miña casa. Conexións culturais galegoportuguesas. Tomamos tamén olivas e queixo, un fresco de cabra que Catherine trouxo do Mercado, e un de tetilla afumado con bidueiro que lles levamos nós.

Pola tarde ando mensaxeándome polo móbil con Pablinho e Iria, uns colegas de Coruña. El é shaper (entre outras cousas) e xuntas teñen a marca de surf UlaOla. Fan aletas e táboas de madeira e cortiza.
Estiven mandándolles as fotos das táboas de surf que fai Nuno Lemos. Nuno é o shaper local de Montemor-o-Novo, e pese a estar a hora e media do mar, moitas veces vai surfear co Matti. El ten feito algunhas táboas con madeira de pita. Ensinounos todo o proceso. Tamén ten usado cortiza alentejana no proceso, como no grip desta foto:

IMG_20171009_181846

Pola noite imos cear ao convento coa “familia conventual”. Estes días están de residencia polo convento dúas rapazas, coido que son do Norte de Europa mais non sei moi ben, pois tampouco se relacionan moito coa xente. Andan facendo algo na cerámica. Hoxe ceamos ao mesmo tempo, non falaron moito, mais compartimos mesa, viño, un cuscús e unhas verduras.