Câmara Municipal · Centro de Investigação de Cerâmica · Centro Juvenil · CineClube · Cooperativa Traquinas Índios e Sábios · MARCA ADL · Oficinas do Convento

28 de novembro_Xente que se queda.

Hoxe Iñaki publicou na net o vídeo de dam i ki, Universaliza a túa escala. Outra produción de Fur Alle Falle.

Á tarde, reúnome con Marta Mattioli.
Marta é de Azeitao. Está instalada en Montemor-o-Novo dende que se trasladou da Universidade de Lisboa á de Évora. Está vinculada ás Oficinas dende 2003, colaborando nun principio en proxectos puntuais, como Ananil ou A escola e o río. Dende 2014 forma parte do equipo de traballo contratado nas Oficinas do Convento. Leva a xestión administrativa e financieira.
Forma parte activa do tecido asociativo en Montemor. Está na cooperativa de Traquinas Índios e Sábios, e forma parte da dirección dende 2014 máis ou menos.
Dende ese ano, a cooperativa está na Adua, nun espazo cedido pola Câmara por 10 anos. Teñen unha casa e unha hectárea.
Antes de estar na Adua, estiveron compartindo o espazo con persoas con diversidade funcional, tamén nun espazo da Câmara.
Desde 2009 a través desta cooperativa colabora moi puntualmente co Centro Juvenil, traballando en proxectos aí dúas veces por ano.

Colleu o relevo na Marca Associação Desenvolvimento Local, na que agora é a presidenta. Está a traballar na Marca, ao igual que Rosa Coelho, outra amiga. Dende aí, traballan con asociacións e desenvolven proxectos sempre na búsqueda de financiación a través de convocatorias diversas.
Hai uns días déronlles o premio AGIR – REN polo proxecto Duoday, proxecto coordinado por Marca ADL. e que reúne varios parceiros.

Falamos sobre estes anos vivindo en Montemor-o-Novo, como chegou a instalarse aquí, os cambios que veu no seu entorno, nas estruturas asociativas e na relación das Oficinas do Convento coa cidadanía en xeral.

Cóntame como o ter recibido apoio da DGA durante 5 anos, fixo que o propio equipo contratado para traballar nas Oficinas conseguira a necesaria estabilidade para optimizar e desenvolver mellor o seu traballo. Conseguiron definir cales eran as funcións de cadaquén no equipo de traballo. Antes, por exemplo, ela e Nélia traballaban nas mesmas cousas ao mesmo tempo. Agora, cada unha ten unha parte do traballo, coa que máis a gusto se sinten.
Ela conseguiu conciliar e amoldar o traballo nas Oficinas á súa vida. Ten liberdade para traballar dende a casa ou para moldear os horarios. Está a media xornada.

Falamos do sostemento das Oficinas. Pensa que sen apoio público sería moi difícil. Cóntame que o novo espazo, o Centro de Investigação de Cerâmica, sí que é sostible. Ana João veu traballar ao Centro cunha bolsa, e no marco desa bolsa ela propuxo facer un pequeno plan de sostemento para garantir a súa propia continuidade despois da bolsa. Así que funcionou, e é sustentábel con obradoiros de formación en cerámica cada semana, e co arrendamento de talleres a artistas. Hai quen troca o uso dos talleres por voluntariado.

Falamos tamén sobre a fixación de poboación en Montemor-o-Novo, sobre como foi a súa experiencia. Tivemos unha conversa sincera, xa que nos coñecernos dende hai moitos anos.

Pola tarde vexo que apareceron uns carteis do Cineclube no taboleiro de anuncios que hai xunto á mesa do claustro, e mañá proxectan “Gosto de ti como és”.