Centro de Investigação de Cerâmica · Cooperativa Cultural e Artística CCAAL · Ofício das Artes _ Escola profissional de Música e Luthiers · Oficina da Criança · Oficina de Artes Gráficas · Oficinas do Convento · Telheiro _ Laboratório de Terra

9 de outubro_ Ao redor das Oficinas.

É luns, e despois do pequeno almorzo, imos ás Oficinas do Convento.

Con motivo da celebración dos 20 anos das Oficinas do Convento, están a facer un documental. O equipo audiovisual está formado por Rui Cacilhas, Pedro Grenha e Rodolfo Pimenta.

Hoxe pola mañá vén João Marques pois vai ser entrevistado. El foi Vereador da Cultura e Vice-Presidente da Câmara Municipal de Montemor-o-Novo (a Câmara Municipal é o equivalente ao Concello en Galicia). Formou parte activa da vida política da cidade durante 16 anos, e saíu hai poucos meses. Aproveito a visita para falarmos un pouco. Falamos da cultura como facedora de masa crítica, máis alá do espectáculo, o ocio ou a programación cultural. A cultura para fixar poboación e atraer novas persoas, para expandir a comunidade. A idea de resiliencia. A cultura como carácter diferenciador.

Falamos tamén sobre política, a afiliación a partidos políticos, a renovación. Hai persoas, sobre todo xente nova e de media idade, que xa non se identifican coas xerarquías e o funcionamento dos partidos políticos tradicionais. Polo que me di João intúo que comeza a haber un interese pola política dende outras perspectivas, en Montemor e noutras rexións portuguesas. Atopo certos paralelismos cos municipalismos en España. Cóntolle a João como os municipalismos inundaron cidades como A Coruña coa Marea Atlántica, Compostela con Compostela Aberta, Madrid con Ahora Madrid, ou Barcelona con Barcelona en Comú. E tantas outras cidades e vilas.

Tiago, Iñaki e mais eu visitamos o novo espazo da Oficina da Criança, proxecto moi importante en Montemor-o-Novo. Iniciado no 1981. Leva 36 anos en funcionamento. Hai outras moitas Oficinas da Criança en Portugal, mais esta distínguese de outras polo método. Ten ateliers libres onde os miúdos entran e saen cando queren e como queren. Hai dez anos que coñezo ese espazo. Antes estaba nos baixos do CineTeatro Curvo Semedo. Agora teñen un edificio novo, inaugurado en abril deste ano. Aberto, luminoso, inspirador. Con salas para traballar, para xogar, cociña para obradoiros, sala de tecidos, con las e cun tear, cun obradoiro de cerámica, ordenadores, sala de cinema, e mil e unha cousas máis. Falo con Lurdes, encargada da ludoteca, e con Terezinha, quen leva moitos anos traballando aí. Aténdenme moi amablemente. Quedo en voltar para falar polo miúdo con María Galego, a coordinadora.

Xa de volta nas Oficinas, teño unha titoría con Tiago sobre iniciativas culturais e de desenvolvemento rural en Montemor-o-Novo e na rexión do Alentejo. Sobre parcerías, apoios, redes. Móstrame proxectos que teñen acontecido ultimamente nas Oficinas, e as residencias artísticas que aconteceron nestes últimos anos. Hai un arquivo na web onde podes consultar case todo.

Agora, ademais do espazo das Oficinas do Convento no Convento de São Francisco e do Telheiro da Encosta do Castelo, contan coas Oficinas da Cerâmica e da Terra. Naceron despois da reestruturación do Telheiro e coa inauguración do Centro de Investigação de Cerâmica (Antigos Lavadoiros Públicos de Montemor-o-Novo) e do Laboratório de Terra, no 2015. A actividade do Telheiro está máis ligada á arquitectura. E a dos antigos Lavadoiros, máis centrada na cerámica artística.

No claustro, João Sofío está a traballar no deseño do cartel do próximo concerto programado polas Oficinas. Ensínanos un croquis que fixo hai pouco para ver a planta do Convento en 3D, cos seus espazos e funcionalidades.

convento-3d-web

A João sempre lle damos a brasa con todas as melloras que se nos pasan pola cabeza. Xa sexan estruturais ou funcionais, como un baño no piso de enriba, ou a iluminación dun espazo. Normalmente son cousas que el xa pensou, e moitas xa as ten solucionado, como as marabillosas pegatinas fluorescentes en sitios estratéxicos para andar ás escuras polo Convento adiante. Xa hai moito tempo que teñen un proxecto de rehabilitación plantexado, mais nunca acadaron fondos para facelo. Podes ver un plano na seguinte foto de Tiago Fróis:

plano reforma
Nuno Rebelo, que casualmente aparece nesta foto cos planos doutro arquitecto tamén chamdo Nuno, ademais de arquitecto é músico. Ten vido ás Oficinas do Convento a tocar e a impartir obradoiros de sonoscultura nos últimos anos.

João coméntanos que dende as Oficinas van comezar a programar concertos fóra do Convento. Esta vez nunha disco de Montemor, no Music Café.

Despois pregúntolle pola cooperativa de traballo que xurdiu dende as Oficinas. Rui, Sandra, João Bastos, Nélia, xente vinculada ás Oficinas formaron unha cooperativa de servizos culturais e artísticos: a CCAAL – Cooperativa Cultural e Artística do Alentejo, CRL. Isto facilítalles o acceso a traballos coa administración pública. João Sofío é quen me conta que sendo empresario individual é máis difícil que te chamen para este tipo de traballos. El agora, ademais do seu traballo nas Oficinas do Convento, traballa no CineTeatro Curvo Semedo como técnico e coas montaxes de escenarios.

Vexo que as Oficinas segue a funcionar como un espazo onde diferentes persoas veñen traballar nos seus proxectos ou en proxectos comúns, e que tamén serve como espazo de encontro social e cultural.

Nesa lóxica de espazo de encontro, aparece polas Oficinas Ulf Ding.
Coñezo a Ulf dende hai moitos anos. Ulf é alemán, un exemplo máis da fixación de poboación en Montemor-o-Novo. Está totalmente integrado e leva moito tempo vivindo e traballando aquí. É constructor e afinador de pianos, ademais de músico e profesor. Nos últimos dez anos atopámonos ás veces no Porto, nos Maus Hábitos.
Souben que no 2015, xunto con João Garfo, impulsou a Escola Profissional de Música e Luthiers de Montemor-o-Novo, para xente nova, con protocolos coas illas de Santo Tomé e Príncipe, en Madeira. Este ano comeza o primeiro 3º curso, do que vai saír a primeira xeneración que acaba os estudos. A escola é iniciativa dunha asociación sen fins de lucro chamada Ofício das Artes, Associação para o Ensino, Formação e Desenvolvimento de Atividades Artísticas. É unha entidade que promove proxectos de acción e desenvolvemento social e local a través da Música e dos seus Oficios. Fan parte dos seus proxectos a Escola Profissional e o Centro de Formação de Montemor-o-Novo, a Oficina de Construção de Instrumentos Musicais, e iniciativas culturais como o “Toma Lá Jazz“, “Kind of Blue” ou a “Big Band Ofa”.
Ulf, antes de irse, convídanos a visitar a escola e o seu obradoiro, que está na Adua.