Biblioteca Municipal · Câmara Municipal · Cine nas parroquias · Galería Municipal · Movemento Asociativo · O Espaço do Tempo · Oficina da Criança · Oficinas do Convento

Política cultural rexional

Recollo a continuación algunhas ideas da conversa que mantiven con unha persoa que traballa en Coordenação na Direção Regional de Cultura do Alentejo.

O papel e misión da Delegación Regional é ser facilitadores e dar acceso á cultura para todas as persoas, ademais de garantir o máximo de finanzamento que vén para a rexión. As estratexias que aplican son diferentes en cada lugar da rexión. Cada municipio ten as súas estratexias. A situación xeográfica tamén fai que estas estratexias muden dun sitio a outro. 
Na Delegación Regional teñen que percibir os proxectos chave-áncora que hai, aqueles que favorecen o pensamento crítico, e darlles soporte creando parcerías e liñas de apoio.
Na Dirección da Cultura do Alentejo trabállase cunha visión do territorio do Alentejo, son 47 municipios. Cada unha destas municipalidades ten unha visión do que é a política cultural. A cultura moitas veces está asociada ao turismo e ao patrimonio, noutros sitios está asociada á pesca e á educación, noutros sitios a cultura está soíña, noutros sitios a cultura está outra vez coa pesca e co turismo.
Trabállase vendo que é importante facer en cada concello, cales son os valores e os principios culturais que están na base do desenvolvemento, e cales son as dinámicas.
Teñen moi claro que ten que haber diálogo. Hai que repensar os espazos existentes e os inutilizados, e favorecer que neles sucedan cousas.
A participación cultural ten que ser traballada nas escolas no 1º ciclo, como acontece coa Oficina da Criança.
Pensa que as Câmaras teñen que ter a capacidade de contar con novas persoas a facer cousas, independentemente do seu partido político. E esas persoas teñen que ter formación. Todos os municipios deberían ter persoal formado en cultura e en políticas culturais para entender a importancia do traballo que están a facer.
Por exemplo, os festivais de exaltación gastronómica dun produto (como un festival das empanadas ou da castaña) son importantes, son cultura e fan falta, porque lles gusta ás persoas, que se recoñecen en determinadas cousas, como o patrimonio, mais a cultura tamén serve para outras cousas. A cultura tamén serve para que a sociedade funcione mellor, para aportar saúde emocional. A cultura hoxe en día é un dos catro pilares do desenvolvemento. O que acontece na sociedade non pode estar disociado do que é a cultura e a educación.

Falamos da relación entre educación e cultura. Ámbalas dúas lembramos A Escola e o Rio, proxecto levado adiante hai anos polas Oficinas do Convento e que xa non existe.
A Escola e o Rio é um projecto pedagógico de índole artística, científica e tecnológica. É desenvolvido pela Oficinas do Convento na Escola EB2,3.
Cuestionamos que pasaría se houbese un cambio drástico, se a Câmara deixase de apoiar ao movemento asociativo. A verdade, e que coa situación actual sería difícil que caesen, pois ademais da masa crítica que existe na vila, contan cun recoñecemento a nivel nacional e internacional.

IMG_0987

Centros, descentros e periferias. Falamos de como está chegando a cultura ás parroquias.
Montemor-o-Novo non é soamente unha vila, podemos velo como un centro que agrupa moitas parroquias rurais ou aldeas. As dinámicas culturais dentro da vila funcionan moi ben. Na periferia, nos concellos e parroquias máis rurais, non hai a mesma actividade e participación cidadá. Dalgún xeito, algo xa está acontecendo. O ciclo de cine nas parroquias é un principio. A propia Câmara leva moitos anos facendo un traballo de Ciclos (programación por estacións), e os Ciclos de Outono e o da Primavera, acontecen nas parroquias rurais. Mais tense que avanzar, non pode ser sempre o mesmo formato. Aínda que funcione, ás veces as cousas teñen que ser repensadas para funcionar mellor, para chegaren máis aos públicos, para que as persoas queiran máis. Isto tamén ten que acontecer naturalmente.
Como exemplo, a cativería das parroquias máis rurais non teñen as mesmas oportunidades que os da vila para vir xogar á Oficina da Criança. 
Mais é importante que xa existe esta preocupación.

Falamos sobre a cultura como un factor para fixar poboación.
Interesa que dun xeito orgánico, as persoas e os proxectos se fixen no territorio. Ese é o ideal.
Hai un problema para asentar persoas e facer que se queden. Por exemplo, as Oficinas do Convento funcionan como un catalizador para atraer ás persoas. Mais xa sabemos como é a dinámica máis común: veñen por un tempo, pode que cunha bolsa, terminan e despois tórnase complicado que se queden a vivir. Non hai emprego en serio en cultura, e as persoas téñense que ir.

Pregúntolle por outros ecosistemas culturais, rurais, similares a Montemor-o-Novo na rexión do Alentejo, nos que a cultura está tan presente na vida a nivel laboral, social, económico.
Cóntame diversas iniciativas, que moitas veces non son estruturas, son Festivais que xeran dinámicas e sinerxias, atraendo persoas.
En Mértola existe un Festival Islámico que é moi importante para a cidade.
En Ponte do Sor, está o Festival Sete Sóis Sete Luas, que funciona no Centro Cultural de Ponte do Sor, onde tamén existen outras entidades e asociacións instaladas, como por exemplo o Teatro da Terra. Ten unha estrutura parecida e ten xerado dinámicas similares.

Noutras conversas que mantiven con distintas persoas, como con Virgínia Fróis, con Vasco da Silva ou con João Sofío, falaramos deste festival. En 1998 celebrouse no entorno do Castelo de Montemor e tivo moita repercusión na cidadanía alén de propiciar que se equipase o Convento da Saudação co equipamento básico de luz e auga, algo que propiciou que despois se ofrecese este Convento como sede de O Espaço do Tempo.

O Teatro do Mar en Sines é a entidade que da maior dinámica a toda a rexión. É unha das estruturas de teatro de rúa das máis coñecidas fóra. Ten unha dinámica similar ás Oficinas do Convento, pois conseguen implicar a toda a xente. Teñen oficinas para miúdos e actividade todo o ano. Apostan tamén pola formación dos propios actores. 
En Sines teñen Centro de Artes de Sines, Escola de Artes (estrutura municipal), Centro Cultural Emmerico Nunes e o Festival de Músicas do Mundo. Este Festival é un catalizador para atraer persoas de fóra. Toda esta sinerxia das estruturas é moi importante. Mais Sines é unha cidade maior, ten pesca, industria, petrolíferas, un maior potencial económico.
En Marvao, un sitio moito máis pequeno que Montemor-o-Novo, no norte do Alentejo, con moi poucos habitantes, hai un festival de música clásica. O Festival, alén de levar xente de fóra, conseguiu crear unhas dinámicas moi interesantes e levar xente alí a vivir. Pola calidade de vida e a tranquilidade. 
Tamén se creou un Festival de cine, o Periferias. Mais sen embargo faltan equipamentos básicos como o Centro de Saúde, que está moi lonxe. 
Cando un Festival consegue manterse no tempo, pode crear unha dinámica importante. Créanse estruturas de persoas que conseguen ser unha estratexia cultural para ese lugar.
Falamos tamén do perigo que hai cando un Festival comeza a ter unha dimensión turística que é superior á cultural, momento no que debe ser repensado e redimensionado.

Falamos sobre o caso de Montemor-o-Novo e o papel das Oficinas do Convento neste ecosistema cultural.
Pensa que a inversión en equipamentos, nas estruturas, en fomentar as parcerías, facilita que as cousas acontezan. O feito de que os traballos que se fan nas Oficinas do Convento sexan logo expostos na Galería Municipal tamén facilita. Podes atopar e ver este tipo de relacións entre os distintos organismos no diario da investigación.

Pode ser que en Montemor-o-Novo todo sexa máis simple que noutros lugares para quen está en cargos políticos. Pode ser polo feito de que xa existe unha masa crítica, e porque existen estruturas con un conxunto de persoas de diversas áreas que teñen un vínculo coa comunidade e coas diversas comunidades (escolares, científica, xuvenil). E estas persoas conseguen chamar á participación. A participación é fundamental para as políticas culturais, que as persoas participen nas dinámicas sociais e culturais. 
As estruturas, como as Oficinas do Convento, conseguen chamar a esa participación. En certa forma, facilitan o traballo de quen está na parte política.
En Montemor-o-Novo hai unha boa intersección e comunicación entre varios axentes, nun nivel de entendimento moi bo (como as Oficinas do Convento e O Espaço do Tempo).
O feito de que todas esas estruturas se coñezan, se comuniquen e non se superpoñan unhas ás outras, da un certo equilibrio. Hai unha diversidade na cidade a nivel cultural que é importante manter para o futuro.

Tamén falamos da importancia do relevo xeneracional nas Oficinas do Convento. A apertura que tiveron a que xeneracións máis novas tomaran o relevo. Conseguiron conectar máis coa xente, cunha maior apertura ás persoas de Montemor. 
Oficinas é un exemplo de éxito entre cultura e desenvolvemento. A dinámica internacional, ter miradas de fóra, xente a pasar, favorece a existencia do pensamento crítico. É importante dar aos artistas os medios para que poidan traballar, mais tamén é importante que estes entendan que a cultura é o máis importante para as persoas.

 

Advertisement