Cooperativa Integral Minga · Movemento Asociativo · Oficinas do Convento

Cooperativa Integral Minga

http://mingamontemor.pt/
Minga é unha cooperativa integral que xurdiu en Montemor-o-Novo no ano 2015.

Nos últimos meses coñecín a moitas persoas que dunha ou doutra maneira forman parte desta iniciativa. Algunhas porque venden na tenda da cooperativa os seus produtos (agrícolas, cerámica, moda, cosmética, deseños, etc.), outras porque asisten ás clases de ioga no espazo Minga, traballan na tenda ou compran alí.

A cooperativa é outra das pezas chave do ecosistema cultural, que permite múltiples conexións entre os axentes. Vou contarvos unha anécdota que pode ilustralo:
Cando visitei por primeira vez a tenda da Minga, atopei variedade de produtos. Entre as cousas que había, fiquei namorada dunha camisa de cadros, que comprei. Na etiqueta que penduraba da prenda, poñía que fora feita por Leonor Mire. Ao preguntar á tendeira quen era Leonor, esta respondeu que era unha rapariga de Lisboa. Ao voltar coa camisa que comprara ás Oficinas do Convento preguntei por Leonor ás compañeiras, e decateime que é unha moza que frecuenta o espazo, á que tamén eu coñezo.
Esa mesma tarde, cando apareceu Leonor polas Oficinas, a recibín coa súa camisa posta. Unha camisa que fora feita precisamente nunha sesión de costura no claustro das Oficinas.

Tiven un encontro e conversa con Jorge Gonçalves, un dos fundadores e socio da cooperativa. É unha desas persoas que exemplifica de novo a fixación de poboación en Montemor-o-Novo. Veu de fóra e está totalmente integrado na vida alentejana. Entrevisteino no claustro das Oficinas do Convento. Recollo a continuación as notas da conversa:

A orixe da cooperativa está nun foro que organizaron nas Oficinas do Convento, o Forum de Cooperativas de Montemor-o-Novo. De cooperativas que xa existían e de sectores dos que non había cooperativa en Montemor.
Foi durante unha fin de semana. O foro serviu para detectar necesidades comúns, así como para coñecer experiencias interesantes doutros sitios: bancos comunitarios, moedas propias, economía solidaria, etc.
Viron que existían problemas comúns, entre agricultores, artistas e outras persoas. Decidiron facer unha cooperativa integral para todas esas necesidades. Fundaron a cooperativa Minga a partires do modelo de estatutos doutra cooperativa integral que xa existía. Foi en decembro de 2014. É unha cooperativa de comercialización, de servizos, agrícola e de vivenda. En xullo de 2015 foi a apertura legal e en setembro abriron a tenda.

Non tiñan experiencia, nin diñeiro, nin coñecemento, nin os contactos ou unha rede de clientes.
A tenda é de produtos locais. Outros produtos que non hai, búscanos na rexión.
Buscan que os produtos de primeira necesidade e outros como a cosmética sexan de aquí, aínda que o café o traen dunha cooperativa de Nicaragua. Ao ter máis variedade, cada vez vai máis xente, e os prezos son baratos. Agora a xente está máis afeita a consumir produtos de tempada. E hai consumidores que non son da cooperativa, claro.

No principio, eran poucas persoas. Foron oito a fundar a cooperativa. Cubrían o traballo con turnos de voluntarios. Agora son moitas máis persoas e pagan á xente que está a traballar. A tenda xa é máis autónoma, son as usuarias as que deciden. Tamén hai deseñadores dentro da cooperativa, algo que lles interesa para vincular os produtos cos consumidores. Quince persoas da cooperativa ofrecen servizos. En agricultura son dez persoas. Hai máis agricultores que non son da cooperativa, pero proporcionan produtos. Na tenda son catro persoas, unha que xestiona e tres que fan turnos.

Teñen moeda interna, que permite a troca e evita toda a burocracia de facturar por un produto, facilitando o intercambio entre os produtores.

Nun principio ofrecían servizos de facturación, para que xente puidese facturar os produtos a través da cooperativa, usándoa como instrumento legal. Non existe un límite de servizos, vanse ampliando segundo aparece a xente e as necesidades.

Hoxe o proxecto é sostible, e cun nivel de facturación elevado. Canta máis xente, maior capacidade de investimento. Agora até poden dar microcréditos (limitados, claro) para agricultores.
Teñen autonomía para investir no que queren.
En setembro de 2017, comezaron a xestionar un terreo arrendado, e pagan a persoas para que o traballen. Fan entregas en Lisboa para grupos de consumidores, e queren distribuír tamén en Évora. Abastecen unha cantina escolar nunha aldea, en San Mateu. Aos poucos, avanzan.

A partires de 2016, abriron o Espazo Minga, un espazo de socialización e de encontro, con obradoiros de teatro, danza, ioga, etc. Tamén arrendan o espazo a 5 € a hora para que quen queira poida facer o que queira. Isto crea outras dinámicas e unha rede de persoas.

A súa lóxica é descentralizada, cadaquén xestiona o seu. Para non gastar enerxías do proxecto nun órgano central, dánlle autonomía aos grupos.
Disque os Estatutos non teñen ideoloxía ningunha. Non fai falta, non hai problemas. Non hai conversas teóricas sobre cooperativas ou asociacións, nada de retórica, teoría ou filosofía. Freonte a iso, acción.
Non se veta nada. Se a xente quere carne, pois carne,… déixanse levar polo día a día.

E que pasa coa vivenda?
En Montemor-o-Novo xa hai un antecedente de cooperativa de vivenda. A Cooperativa de Habitação Económica Alentejana, a CHE.
Neste documento, pódese coñecer máis desta bela experiencia.
No barrio da CHE, en novembro de 2016 aconteceu unha Mesa Posta. Aproveitando o encontro, veciños da CHE contaron a experiencia cooperativista neste video:

Agora existe un problema de vivenda, que non favorece a fixación de poboación. Moita xente pasa por Montemor, mais non é doado atopar unha casa xeitosa e barata. Iso e a falta de traballo fai que moita desa xente que pensa en ficar non decida establecerse, aínda que sexa só por un tempo.
A idea da cooperativa é comprar casas en ruínas e recuperalas, ou comprar un terreo no que construír. Pagarían o investimento inicial, a propiedade sería da cooperativa, e as cooperativistas pagarían unhas tasas polo uso, non un arrendamento. Non ten que ser a casa para toda a vida.
Existe unha plataforma de vivenda de Montemor-o-Novo.
Foi a Rede de Cidadania quen a creou, con motivo das eleccións municipais, para obrigar aos partidos a levar nos seus programas electorais as propostas recollidas.

Recentemente, en xaneiro de 2018, atopei publicada unha nova que da conta do traballo que a cooperativa Minga está a facer polo acceso á vivenda. ‘um ‘pacote’ de 15 contributos que o presidente da Cooperativa Integral Minga, Jorge Gonçalves, apresentou hoje ao Grupo de Trabalho – Habitação, Reabilitação Urbana e Políticas de Cidades, numa audiência na Assembleia da República, em Lisboa.
O encontro do responsável da cooperativa com os deputados visou a partilha de ideias para a criação da lei de bases para a habitação, nomeadamente no que respeita a questões específicas do mundo rural.
Em declarações à agência Lusa, após a audiência, Jorge Gonçalves explicou que um dos principais desígnios da Minga é “redinamizar os centros históricos, não através do turismo, mas das pessoas que os habitam”.
Podes ler a nova completa aquí.

Advertisement