Oficinas do Convento, en Montemor-o-Novo (Portugal).
http://www.oficinasdoconvento.com
Coñecín as Oficinas do Convento no 2006. Daquela contactara con eles para desenvolver unha residencia artística de intervención sociocultural no rural, cunha bolsa Leonardo de prácticas en empresas europeas. En maio de 2006 cheguei ás Oficinas, onde vivín e traballei durante seis meses. Acompañeinos de diferentes xeitos durante os últimos 12 anos, voltando cada certo tempo para participar en eventos ou proxectos como Ananil, Dio3stu, Cidade Preocupada ou na dinamización do Hacker Space.
Oficinas do Convento está situada no Convento de São Francisco, propiedade municipal. Nun principio, o Convento de São Francisco era un espazo medio en ruínas que a Câmara (Concello) empregaba para almacenar materiais e mobiliario. Atopei estas fotos de 1965 (Fonte: Arquivo DGEMN), a través de Morbase.
Un conxunto de artistas que vivían en Montemor-o-Novo, entre os que estaban Virginia Fróis, Vasco da Silva ou Catherine Henke, pedíronlle á Câmara poder usar algúns dos espazos do Convento como ateliers para poder traballar. Instalaron fornos de cerámica e obradoiros.
Así xurdiu a asociación.
Cando eu cheguei por primeira vez, xa había unha xeneración de persoas da miña idade a facer cousas. Traballaban e investigaban dende diversas disciplinas. Video, escultura, música, fotografía, construcción de instrumentos, cerámica, madeira,… e xa tiñan programado os seus propios eventos, como a Festa da Primavera, na que participaba moita xente.
Anos despois houbo un relevo xeneracional, que fixo medrar a entidade, renovando o tecido humano e con iso, a programación, os proxectos e a “network”. Sucedéronse máis proxectos e residencias en colaboración con distintos grupos de persoas a nivel local, rexional, nacional e internacional.
No 2006 caín de pleno na produción do Festival Ananil, no entorno do muíño de Ananil. Así que tiven a oportunidade de traballar coa xente e coñecer este evento de primeira man.
Ananil era un Festival diferente, no que ademais de espectáculos e música en directo, podías participar de instalacións sonoras e visuais, exposicións e actividades. Todo nun entorno rural.
Participaba moita xente dende moitas disciplinas, non só artísticas, senón tamén científicas, e outras asociacións e empresas da comarca. Por exemplo, unha destas actividades era unha ruta polo río aprendendo as condicións xeolóxicas das rochas, coñecendo a flora, e rematando nunha adega, a Quinta da Plansel, cunha cata de viños alentejanos e unha colección privada con pezas de Joseph Beuys.
O Ananil deu paso á Cidade Preocupada. Unha programación cultural, na que tamén colaboran moitas outras entidades, asociacións e persoas de Montemor-o-Novo. Cidade Preocupada é unha oportunidade de dinamizar unha serie de estruturas e equipamentos da cidade, así como valorizar parcerías, facendo que grande parte da programación suceda fóra do Convento.
Aparte destes grandes eventos ou festivais anuais, na última década desenvolveron moitos proxectos propios. Moitos deles ligados á investigación e ás novas tecnoloxías. Potenciaron as residencias nacionais e internacionais, acollendo multitude de proxectos e iniciativas alleas de diversas diciplinas.
O espazo das Oficinas no propio Convento é multifuncional e orgánico. Ten cociña, dormitorio, e servizos comunitarios para as residencias ou outros eventos. Tamén ten carpintería, laboratorios de investigación e creación, espazos comúns e espazos de coworking, oficina de artes gráficas e de fabricación dixital. Nestes últimos dez anos as propias necesidades das persoas que desenvolven proxectos nas Oficinas fixeron que foran cambiando e ampliándose os usos dos espazos, adaptándose aos grupos de traballo e aos proxectos específicos.
Ademais do espazo no Convento de São Francisco, contan coas Oficinas da Cerâmica e da Terra.
Oficinas da Cerâmica e da Terra desenvolven a súa actividade en tres espazos distintos e complementarios: o Telheiro da Encosta do Castelo, o Laboratório de Terra e o Centro de Investigação de Cerâmica (Antigos Lavadoiros Públicos de Montemor-o-Novo). A actividade do Telheiro está máis ligada á arquitectura. E a dos antigos Lavadoiros, máis centrada na cerámica artística.
Contan co apoio da Câmara Municipal de Montemor-o-Novo. Teñen un contrato de programa e protocolo de funcionamento que vai renovándose, que ha de ter impacto na asociación e na comunidade.
Podes ver máis detalladamente como funcionan estes apoios no artigo Política cultural local.
Isto lles obriga a ter unha responsabilidade coa comunidade e, unido a outros apoios como o da DGA, axuda á profesionalización da asociación e das persoas que nela traballan.
A Câmara cede os espazos, da os apoios para manter as infraestruturas, e para facilitar que as persoas poidan participar na cultura a distintos niveis, como público, como programadores e creadores, ou como axitadores culturais.
As Oficinas do Convento convertíronse nun nodo internacional no que constantemente estanse a producir faíscas. Entran e saen multitude de persoas, ideas, proxectos, grupos. Esta dinámica vai refrescando os impulsos creativos da comunidade.
Unha das chaves que faciltan a participación é ir programando obradoiros de formación e proxectos segundo os intereses das persoas que frecuentan os espazos. Isto vai xenerando novos proxectos e futuras conexións.
Nas Oficinas do Convento combínanse novas tecnoloxías con métodos tradicionais. Explóranse as posibilidades de calquera tipo de tecnoloxía. E investígase cunha visión ligada ao territorio e á vida rural.
Dentro do ecosistema cultural de Montemor-o-Novo, as Oficinas do Convento son un organismo chave pola súa historia e percorrido como dinamizador cultural da vila, pola cantidade de patrimonio material e inmaterial que produce, e pola cantidade de “inputs” e “outputs” que vai xerando. Sendo un dos organismos que indudablementes axudou a fixar pobación na vila a través do sector cultural.
É un organismo ligado ás artes e á cultura, mais tamén funciona como un centro afectivo, onde compartir, idear proxectos, intercambiar información, debatir e conversar, soldar unha peza para a rampa de skate, arranxar o cargador do portátil, aprender a tocar un instrumento, xogar un pingpong ou xantar con descoñecidos.
As Oficinas como entidade asociativa cumpriron 20 anos no 2017.
Fixeron unha publicación e un video documental: