Câmara Municipal · Movemento Asociativo

Política cultural local

JoaoM2

Este artgo recolle a conversa que tiven con João Marques sobre a política cultural local de Montemor-o-Novo. João foi Vereador da Cultura na Câmara Municipal durante 16 anos, así que foi partícipe do crecemento deste ecosistema cultural como cidadán e como axente institucional. Como tantas outras persoas de Montemor, aprendeu a desenvolver os seus proxectos xogando na Oficina da Criança.

Comezamos falando do asociacionismo. En Montemor-o-Novo, e na rexión alentejana, o asociacionismo é un movemento forte, de enorme presenza e longa tradición. Paréceme curioso este fragmento que atopei sobre as orixes da Sociedade Carlista, unha entidade asociativa e musical da vila:
A falta de estradas e transportes, o isolamento da vila e as muitas festas nela realizadas, foram os factores preponderantes para que o referido grupo se organizasse. Conhecido simplesmente pelo grupo do “Mestre Carlos”, foi progredindo, até que a 30 de Junho de 1861, vários elementos de posição social acharam oportuno fazer do grupo uma Sociedade. E assim ela fica denominada ” Sociedade Antiga Filarmónica Montemorense”

Este texto sobre os inicios da Carlista, pódese aplicar tamén para explicar o auxe do asociacionismo en Montemor-o-Novo. O aillamento e a densidade poboacional, e o feito de terse que xuntar para organizar as festas, provocaron o auxe das asociacións.

Por que hai tantas entidades como cooperativas e asociacións no Alentejo?

J. En Portugal existe moita tradición de asociacionismo. Nun principio, cunha lóxica recreativa e comunitaria. A xente asociábase para organizar as festas das aldeas, fundaban as bandas musicais. Hai asociacións con 150 ou 170 anos, como a Carlista ou a Casa do Pobo de Lavre.
A partires da revolución, a partires do 1974, incrementouse este movemento asociativo. Era máis doado asociarse, e a xente organizabase para dar resposta a problemas comúns.
Nos 80, as asociacións comezan a ser utilizadas como instrumentos, máis alá da lóxica recreativa, son plataformas que permiten oportunidades de traballo. Nunha lóxica máis profesional. É máis fácil, dende o punto de vista legal e burocrático, ter unha asociación a funcionar que crear unha empresa. Na asociación congréganse intereses comúns dun grupo de persoas, mais xa non é nunha lóxica meramente recreativa, senón para desenvolver un traballo. Esta profesionalización do traballo dentro das asociacións permite o crecemento desas asociacións.
As asociacións non só traballan para os socios, senón para toda a comunidade.
Habendo masa crítica instalada e saberes instalados nesas estruturas, elas crecen en número e calidade.

En Montemor-o-Novo, esta profesionalización de persoas traballando en asociacións foi estimulada cada vez máis pola Câmara, a través dos seus apoios. Existe un regulamento de apoio ás asociacións, RAMA, do que imos falar máis adiante nesta mesma conversa.

Pregunto sobre a liña estratéxica para apoiar a cultura como factor fundamental de desenvolvemento. En Montemor-o-Novo a cultura parece ser un motor de todo. Mais esto pode ser unha visión persoal.
Para João a cultura non é o motor de todo. Queren que sexa. É un pequeno motor tranversal asociado ao conxunto de todas as áreas. Políticamente entenden a cultura como un factor fundamental.

J. A cultura contribúe ao desenvolvemento económico e social pola capacitación das persoas. Entendendo a cultura como elemento de capacitación creativa e conciencia crítica, a cultura debe estar ligada a todas as áreas. Dende o punto de vista económico non ten sentido, é distinto, porque a dimensión é pequena e porque a poboación rural non ve isto de esta forma.
Estando no rural, hai moitos prexuízos coa cultura. As persoas ven a cultura ligada ao ocio e ao espectáculo. Aínda así, despois de todo o traballo feito en cultura nos últimos 30 anos, este preconceito é tolerante. Hai unha tolerancia. A pesar de non comprender ou interesarse moito, comprenden que hai un efecto positivo, polos recoñecementos que normalmente veñen de fóra, e saben que Montemor-o-Novo ten unha identidade cultural propia que a fai diferente a outros lugares.

Tense moi en conta que os espazos creativos son espazos de capacitación das persoas, e de conectar xeneracións. De aí os proxectos coas escolas, a Oficina da Criança, o Centro Juvenil… mais tamén con todo tipo de persoas, agricultores, científicos, e diversos perfiles.
Sabían que a cultura era un vector fundamental. E como se facía? en Montemor-o-Novo foise experimentando. Cada certo tempo houbo unha necesidade de construír pensamento e de racionalizar dalgunha forma aquilo que estaba a acontecer. Foi construíndose pensamento sobre aquilo que estaba a ser feito. A estratexia cultural foi orgánica.
As enerxías das persoas son limitadas, así que se trata de non pensar moito no que se vai facer, e facelo. E pensar logo sobre o que foi feito.

Falamos da cultura como ferramenta para fixar poboación nas zonas rurais.
Pregunto se hai datos sobre persoas que viñeron vivir a Montemor por causas ou traballos relacionados co sector cultural.

J. Non hai datos, nin investigacións, mais hai unha percepción de que existe.
É unha realidade en Montemor-o-Novo, na vila.
Nas parroquias, non. Ten que ver co acceso, coa distancia á vila, coa falta de transporte público, con que o movemento está nas cidades, e iso dificulta que a xente se instale nas parroquias.

Sería fundamental atraer creadores para que se instalasen nas aldeas. Cóntame que tiveron un proxecto anos atrás que non conseguiron levar adiante.

J. Consistía en lanzar desafíos a creadores que quixeran ir ás parroquias, e a Câmara lles daría durante 6 meses o apoio para o aluguer, e unha bolsa de traballo para facer un proxecto que tivese impacto na cidadanía. Internamente, na Câmara non tivemos a capacidade de facelo. Hai outros frentes para loitar, e non hai tempo para todo.
Ten que haber relevo de persoas capaces para levar adiante iso.

Estou interesada en coñecer máis sobre as estratexias para dinamizar a cultura nas aldeas. En Montemor-o-Novo, na vila, a cultura está a ser dinamizada por persoas e entidades asociativas, alén de polas institucións públicas. Mais hai estratexias para dinamizar as parroquias?

J. Non existe estratexia definida como tal mais sí existe programación nas parroquias. Dende a Câmara téntase que a programación cultural se extenda ás aldeas.
O cinema e o Ciclo de Primavera, tamén se programan nas parroquias.
Tratamos de estimular que a xente das parroquias sexan programadores dando apoios directos. As asociacións culturais nas parroquias, normalmente asociadas ás bandas e a grupos de teatro, son apoiadas directamente para facer un evento cultural.
O que sería importante agora sería deslocalizar a masa crítica e que fosen facer ás aldeas, que eses axitadores interactuasen coas persoas e as axudasen a ter as ferramentas para elas mesmas facer. O importante é atopar esas persoas axitadoras.

Como Vereador durante 16 anos, dende xaneiro de 2002, João Marques contoume que a súa estratexia foi coller o que xa existía, sistematizalo e a partires de aí crear cousas novas.
O seu principio foi que el como representante político “non ten a acción”, el ten que ver onde están os axentes capaces de facer e onde están as áreas que poden traer a outros axentes a facer.

Falamos dos apoios que a Câmara da ás asociacións en Montemor-o-Novo.

A Câmara apoia economicamente ou con infraestruturas as “actividades ou eventos” das asociacións, dende o fin da ditadura, a partires do 74. Estes apoios foron evolucionando coa presión que as propias asociacións fixeron, o que permitiu un crecemento.
Pregunto por RAMA, que é o regulamento do movemento asociativo de Montemor-o-Novo.

J. RAMA foi feito no 2007. Veu sistematizar algo que xa existía. Hoxe o apoio está tan sistematizado que estar encuadrado no RAMA é algo administrativo. Retírase o peso político sobre os apoios, algo que é fundamental.

Os apoios que a Câmara da están divididos en dúas grandes liñas:

1. Apoios operacionais. Non é diñeiro directo, non é finanzamento, ten que ver con apoios técnicos. Persoal técnico da Câmara que traballa acompañando ás asociacións. Na Câmara hai contratado un técnico cultural. Non hai persoal contratado para traballar coas asociacións, son os propios técnicos da Câmara os que traballan e dan apoio ás asociacións. Tamén coa carpintería, pintura, ou serraría. Outro apoio é o transporte (cun peso moi forte), para os clubes deportivos e para as bandas. Grandes recursos económicos se consumen niso. Co paso do tempo, isto xa non se ve como un apoio da Câmara, senón como unha obrigación. Este apoio é fundamental.

2. Apoio financeiro directo. Ten 3 niveis:

2.1 Subsidios ordinarios. Para o funcionamento ordinario da asociación. É anual e todas as asociacións teñen dereito a telo.

2.2 Apoios a proxectos específicos. Son puntuais, nestes apoios entran os apoios a proxectos específicos, puntuais, de creación, en adquisición de equipamento, etc.. En función do orzamento a Câmara da unha porcentaxe. A outra porcentaxe, a da asociación, pode ser en recursos de enerxía posta no proxecto, pois ten un valor que é traducido.

Apoios ás candidaturas. Entran dentro dos proxectos específicos. A Câmara da apoio financeiro en candidaturas. Ata 2003 era do 100%, e agora é do 90 %. En 2 anos, conseguiron aprobar 24 candidaturas. Puxeron 600.000 € e conseguiron traer case 4.000.000 €.
Garanten o investimento que teñen que aportar as asociacións, en candidaturas europeas ou nacionais. A proxectos que son coherentes e teñen viabilidade. O volumen, a capacidade e a credibilidade que as asociacións teñen perante as institucións de finanzamento de fóra xa é tan grande que aquilo que pon a Câmara representa ao final o 25 % ou 30 % da cantidade que estas xestionan.

2.3 Contratos de programa e Protocolos de funcionamento.
Funcionan da mesma forma. No Protocolo, o apoio é ao programa de actividades, a longo prazo, e dase maior independencia á asociación. Cos Lavadoiros (Centro de Investigação de Cerâmica), por exemplo, conectaron un espazo en desuso cun saber facer, así que as Oficinas do Convento e a Câmara fixeron un protocolo conxuntamente (hoxe, xa non lles quedan apenas espazos baleiros…).
E no Contrato de programa hai un programa moi específico, unha negociación entre a Câmara e a asociación cuns obxectivos comúns a cumplir. É o que ten as Oficinas do Convento. Asinan un contrato de programa específico por 1 ou 2 anos coa asociación, con aquelas que teñen maior continuidade, no que queda escrito o apoio que a Câmara da á asociación, e o que a asociación se compromete a facer de volta. E que ten que ter impacto na asociación e na comunidade. Isto da estabilidade profesional ás asociacións e lles obrigas a ter unha responsabilidade de intervención na comunidade. Hai un investimento de diñeiro público que ten que ser retornado.
Cal é o resultado? dende a Câmara programamos pouco e suceden moitas cousas.

En porcentaxe de investimento, RAMA en sí traspasa 1.500.000 € por ano. En xeral, o sector cultural (apoio asociativo, sociocultural e educativo), supón o 10% do orzamento do municipio. Un peso moi grande. O estado portugués inviste só o 0,01 %.
O investimento nas asociacións xenera emprego, ademais de permitir fixar poboación ou ter masa crítica.

Pregúntolle polos criterios seguidos para dar apoios ás asociacións.

J. Os criterios dos subsidios ordinarios teñen que ver co impacto que ten na comunidade, os anos que existe a asociación, o número de socios, e máis que isto, as áreas de intervención.
Outros criterios, teñen que ver con:
A situación, se está na vila ou fóra. Hai unha discriminación positiva se está fóra da cidade.
Ter instalacións ao seu cargo (luz, auga, limpeza).
Todos estes son criterios moi obxectivos.
Hai uns criterios de principio, nos proxectos específicos, que é o tipo de actividade que vai desenvolver: se non existe e responde a unha necesidade, se vai duplicar a outra que existe, ou se vai superpoñerse a algo que vai acontecer.
Os proxectos de formación e de integración social (infancia, terceira idade) son máis valorados.
Sempre van valorar o beneficio na comunidade, o poder capacitar ás persoas.

Que contraprestacións se lles pide ás entidades apoiadas pola Câmara?

J. Ter impacto na comunidade, accións impactantes e capacitantes.
A Câmara da o terreo fértil, mais son outros os que teñen que cultivar.

Como se incentiva dende a Câmara á participación na vida cultural?

J. A participación é un problema. Unha grande parte da participación resulta grazas a que unha grande parte da xente está implicada nas asociacións, e así están implicadas na vida cultural. As persoas implicadas na asociación e as que están ao redor desa comunidade tamén participan. Despois ten que haber unha comunicación para que outras persoas participen. Comunicar é fundamental.
É fundamental que a infancia e a xuventude participe da acción cultural. Poden ser programadores, ou artistas ou meramente espectadores, pero son un público interesado e coñecedor do que está a ver. A formación é fundamental.
Se formas a un xoven na área cultural estás a formar potencialmente espectadores, mais tamén creadores ou protagonistas, ou axitadores culturais.

En Montemor-o-Novo existe O CLAS, O Conselho Local de Ação Social de Montemor-o-Novo. É composto por 44 entidades. Funciona en plenario e é presidido polo Vice-Presidente da Câmara Municipal de Montemor-o-Novo. É unha estrutura local definida por lei, forman un consello consultivo do municipio para definir un plan de acción e unha estratexia anual de intervención social. Ten por baixo a rede social, con todos os axentes e actores, escolas, asociacións deportivas, etc. Isto acontece en todas as Câmaras. A Rede de Cidadanía, por exemplo, é un dos axentes que forman parte da rede. Hai proxectos que nacen no ámbito desta rede.

Falamos sobre a implicación das persoas na política local.

J. Hai unha participación máis ou menos activa, a nivel dos partidos políticos.

Vexo que falta unha implicación das persoas de fóra dos partidos políticos para entrar na vida política.

J. Non resulta atractivo, porque moitas veces entrar na política significa abdicar da propia profesión. Está a xurdir, mais nos partidos de dereita.
Hai unha xeneración de políticos maiores, duns 60 anos, que están ao frente e que seguramente saian da política de aquí a 4 ou 8 anos. Hai unha franxa grande de persoas moi activas, con potencial político, que teñen os seus traballos e non queren entrar na política. E hai outras que aínda non entraron na vida profesional, mais son unha masa crítica moi grande, e poderán participar nun futuro moi cercano.
Cando os que están saian de xeito natural, todos os que están aquí van ter esa oportunidade de mudar as cousas. As cousas han mudar, mais non vai ser agora.

Advertisement