presentación

Ola. Son Vane, de Fur Alle Falle e RuralC.

Esta web mostra unha investigación, froito dos estudos que realicei entre outubro 2017 e abril 2018 sobre a cultura no eido rural. Os estudos foron feitos no marco da Bolsa de Perfeccionamento en Estudos Artísticos da Deputación da Coruña.

ECO1C

O tema de fondo dos estudos e da investigación é a cultura no rural, e o caso de análise é a vila de Montemor-o-Novo, sita no Alentejo, Portugal, cunha poboación de 17.000 habitantes. A min lémbrame a Betanzos, unha vila grande con moitas parroquias ao redor.

O punto de partida e centro da investigación son as Oficinas do Convento, unha asociación cultural e centro UNESCO coa que levo traballando en diversos proxectos dende 2006.
Eu marco o centro nas Oficinas do Convento, pois penso que son unha peza chave no percorrido histórico e cultural da vila, máis estou segura que hai outros moitos posibles centros neste ecosistema.

Podes navegar polos artigos, entrevistas e polo diario de viaxe desta xoven investigadora, de varios xeitos:

No desplegable de categorías, na barra lateral dereita, podes acceder á información dalgúns dos organismos deste ecosistema cultural. Por unha banda algúns que dependen directamente da Câmara Municipal (Concello), e por outra algunhas das entidades do movemento asociativo.

Na páxina diario podes navegar a través das miñas vivencias e emocións durante a investigación, dun xeito máis persoal e sensorial. Vou relatando as múltiples conexións e relacións entre os organismos a través das persoas e das accións que lle dan vida ao ecosistema.

Na páxina receitas vou propoñervos dúas receitas para reactivar e dinamizar un ecosistema cultural. Unha para Concellos e outra para asociacións ou entidades culturais.

A nube de etiquetas tamén ofrece a posibilidade de navegar a través de axentes, actividades, termos, accións ou espazos.

Logo vas atopar nos textos moitas ligazóns que se abren noutras xanelas.
Algunhas son ligazóns externas e levaranche a webs oficiais, vídeos ou documentación.
Outras son internas e levaranche a artigos da investigación ou ao diario.
Tómao con calma, recoméndoche que navegues pola web segundo a túa intuición.

IMG_0979

A continuación presento un artigo no que describo o ecosistema cultural de Montemor-o-Novo, como se orixinou, e algunhas das súas características e particularidades.

O ecosistema de Montemor-o-Novo é froito dun proceso que comezou nos anos 80, ligado ao auxe do movemento asociativo.
No comezo da democracia portuguesa, a Câmara (Concello) e a xente que estaba ao redor da política local apostaron por unha serie de iniciativas culturais. Souberon atraer ás persoas axeitadas para desenvolver esas iniciativas, e alén de atraelas, fixalas no territorio.

Houbo outro factor chave. A Câmara e as persoas que estaban a ser axitadoras culturais, souberon relacionar os organismos asociativos e institucionais coas novas iniciativas, a través de convenios, acordos e parcerías. Por exemplo, a Oficina da Criança e o Centro Juvenil, ambas estruturas municipais, teñen convenios co Agrupamento Escolar, polo que hai actividades das escolas que suceden nestes centros. Persoas ligadas ao movemento asociativo, tamén realizan actividades formativas aí.

Hoxe Montemor-o-Novo é un referente de boas prácticas culturais. Podemos falar de que a cultura é claramente un factor activo, que xera saúde emocional, capacita e articula a sociedade, é capaz de xerar emprego e incluso é un reclamo para fixar poboación. Bastante xente de fóra veu vivir e traballar, non só no ámbito cultural. Ao mesmo tempo existe certo equilibrio que evita a xentrificación, pois tampouco é un lugar que escape da crise económica, laboral e habitacional ou de acceso á vivenda. Podemos identificar falta de estratexias e políticas culturais neste sentido, “veñen por un tempo, pode que cunha bolsa, terminan e despois tórnase complicado que se queden a vivir. Non hai emprego en serio en cultura, e as persoas téñense que ir”.

En Montemor-o-Novo hai un entorno de “profesionalización” nas entidades asociativas. Existe a posibilidade de traballar nelas ou dende elas. A Câmara facilita que isto aconteza. Apoia a todas as entidades asociativas, de diferentes xeitos segundo a implicación coa comunidade.

Nas asociacións non se traballa para os socios, senón para toda a comunidade, e a Câmara inviste directamente nas asociacións diñeiro e recursos.

Cando falo de entidades asociativas, refírome a todos as áreas, non soamente sociais, culturais ou educativas.

asociacion arpi

A Câmara conta cun regulamento de apoio ao tecido asociativo dende 2007, chamado RAMA. Este regulamento convirte a solicitude de apoio nun trámite administrativo, en vez dunha competición entre entidades ou unha decisión política. As asociacións contan con diversos tipos de apoio da Câmara, operacionais e financeiros. Cesión de espazos ou apoio para o funcionamento, infraestruturas, equipamento, mantemento, materiais, persoal contratado, etc.

Por exemplo, se unha entidade quere presentar un proxecto a unha candidatura estatal ou europea, a Câmara garante á asociación o 25 % do investimento que ten que facer. Sempre que os proxectos sexan coherentes e realizables. Aínda que logo se equivoquen, é importante que teñan a experiencia.
En Montemor-o-Novo promoven as parcerías e as conexións entre as entidades asociativas, as estruturas municipais e as persoas. Co apoio da Câmara, facilitando parcerías, en 2 anos conseguiron aprobar 24 candidaturas. Poñendo 600.000 € conseguiron traer case 4.000.000 €.

Ademais da posibilidade de conseguir traballo dende o asociacionismo, neste ecosistema tes a posibilidade de usar e compartir espazos de traballo, infraestruturas, recursos, ferramentas e coñecemento. Non quere dicir que se vas vivir aí vas ter un traballo relacionado coa cultura, mais claramente existen máis facilidades que noutros sitios do rural para desenvolver, participar ou involucrarte en proxectos culturais ou asociativos. Existe ese ecosistema cultural vivo e activo no que te podes inserir dun ou doutro xeito.

ecosistema-organismos
Como exemplo, segundo a túa idade, podes participar en diversos organismos que dependen da Câmara ou do tecido asociativo e cooperativo. Poño algúns exemplos:
Se tes bebés e miúdos que non están en idade escolar, tipo gardería, está a Cooperativa Traquinas Índios e Sábios, C.R.L Espaço de atividade infantil, da que forman parte varias familias.

Dos 6 aos 14 anos, está a Oficina da Criança.
A Oficina da Criança é un espazo para as crianças brincar, en réxime de porta aberta, sen horarios, sen materias definidas, onde se promove a creatividade, a aprendizaxe, a imaxinación, a liberdade e o respeito. As crianças traballan voluntariamente nos seus proxectos. Foi unha semente da que partiron moitas outras iniciat

A partires dos 14 anos, o Centro Juvenil.
O Centro Juvenil ten as mesmas características e filosofía que a Oficina da Criança, mais está dirixida a outra franxa de idade.

A Cooperativa Minga. Unha cooperativa integral que tece unha rede na que podes participar como produtora, consumidora ou usuaria do seus espazos e actividades.


Alén destes catro exemplos, está todo o movemento asociativo no que as persoas poden implicarse segundo os seus intereses, e dende onde poden desenvolver os seus proxectos individuais ou comunitarios. Rexistradas na plataforma MARCA , hai perto de 100 entidades do movemento asociativo.

Démoslle unha ollada a distintas porcentaxes de inversión en cultura que adican gobernos locais, autonómicos ou estatais.
O doutor en Economía Aplicada e profesor da Universidade de Valencia, Pau Rausell-Köster, considera que os gobernos autonómicos deberían adicar un 2 % do seu orzamento á cultura. Argumenta que unha maior aposta e inversión na cultura tradúcese en beneficios económicos e sociais. «Non falamos só de emprego: mellora a produtividade, incrementa a atracción de inmigrantes cualificados, mellora a competitividade rexional, a calidade dos postos de traballo, ten efectos sobre a autoestima e o sentido da identidade e pertenza. Non é prioritario para os gobernos por un descoñecemento dos efectos reais, engadido á dificultade de transmitir á poboación que se trata dunha seria transformación socioeconómica»
Segundo o Consello da Cultura Galega, a proporción do gasto en cultura sobre o orzamento total da Xunta é dun 0,65 %.
En España, a cultura supón o 0,2 % da dotación presupuestaria total.
O goberno portugués invirte en Cultura entre 0,1 % e 0,2 % do orzamento, e recentemente o sector cultural luso saíu á rúa para pedir o 1%.
Estes datos quedan lonxe do 10% que a Câmara de Montemor-o-Novo invirte no sector cultural, apoio asociativo, sociocultural e educativo.

En Monfero, as axudas ou subvencións ao movemento asociativo cultural e deportivo para o ano 2017, foron 13.000 €. En España e en Galicia case parece impensable que un Concello rural subvencione ás entidades asociativas para que teñan persoal laboral que desenvolva actividades, ou que cedan espazos e se compromentan co seu mantemento. Si que hai este tipo de apoio dende a Deputación.
En Montemor-o-Novo existe xiste un regulamento de apoio da Câmara ao tecido asociativo, RAMA. A Câmara ofrece as asociacións apoios operacionais, apoios financeiros directos, e apoio nas candidaturas. Varias asociacións contan con infraestructuras da Câmara, con servizos de mantemento, luz, auga, con traballadores asalariados, e sobre todo con apoio financeiro e parcerías.

Na conversa que mantiven con João Marques, quen foi Vereador de Cultura (concelleiro) de Montemor durante 16 anos e impulsor do regulamento RAMA, falabamos e coincidiamos en ver a cultura máis aló do espectáculo, o ocio ou a programación cultural. Unha cultura activa, facedora de persoas activas e críticas. A cultura para fixar poboación, para expandir e enriquecer a comunidade, para fomentar a saúde emocional.
Nas vilas e parroquias do rural galego, polo xeral, as propostas culturais que os Concellos máis rurais nos ofrecen veñen a través da Rede Cultural da Deputación, moitas veces exclusivamente. Son normalmente programación de espectáculos.
En Montemor, a Câmara da apoios ás estruturas asociativas e inviste máis nisto e na creación, que na contratación de espectáculos. Como resultado, dende a Câmara programamos pouco e suceden moitas cousas.

dumbo2
Outra diferencia sustancial está nas infraestruturas. En Montemor-o-Novo apenas quedan espazos públicos sen uso. En Monfero, onde eu vivo, e no rural galego, moitas das antigas escolas unitarias e outros edificios públicos soen estar en estado de abandono.

No ecosistema social e cultural de Montemor-o-Novo é fundamental a permisividade e a facilitación. Ambas aparecen transversalmente nas políticas, nas dinámicas dos espazos e das asociacións. Non sei se será porque creceron na Oficina da Criança, pero moita da xente que coñezo ten esa predisposición, habilidade e vontade para compartir os seus coñecementos.
Facilítase que as persoas accedan aos medios e recursos e sexan quen de desenvolver os seus propios proxectos en calquer ámbito.